SER PROFESORA é a porta de entrada a unha plataforma telemática para a preparación de oposicións, unha páxina de formación na que ti serás o centro da túa preparación, e coa que traballarás dende casa, sen desprazamentos, para que cada minuto do teu tempo estea dedicado a achegarte aos teus obxectivos.
QUEN SOMOS
O equipo de SER PROFESORA está constituído por un par de profes encantadas con esta profesión e coa docencia en xeral, ámbito que consideramos unha vocación case innata, tanto para nós mesmas como para o noso alumnado.
O “Ser” do noso nome vén de que non aspiramos a prepararte só para que aprobes a oposición e obteñas a túa praza, senón que queremos impartir unha formación integral para a túa futura profesión, fornecéndote de recursos, métodos e estratexias para que te desenvolvas coa maior das competencias desde o primeiro día no que asumas a profesión.
O de “ProfesorA” non se debe a que excluamos os homes (nin moito menos!), senón a que as mulleres somos maioría no sistema educativo do noso país, representando o 67% do corpo docente, cifra que se eleva ao 73% dentro do profesorado de ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e que acada taxas do 98% na Educación Infantil. Velaí que queiramos facer visible este feito co noso nome empresarial.
QUE FACEMOS
En SER PROFESORAS temos dous ámbitos de traballo, diferenciados pero altamente permeables.
Dunha banda, ofrecemos preparación para as oposicións de Formación Profesional, tanto de profesorado de ensino secundario (PES), como profesorado técnico de formación profesional (PTFP). Dentro deste ámbito:
-
Orientámosvos na elaboración das vosas programacións de calquera das especialidades de Formación Profesional, así como das correspondentes unidades didácticas e na preparación da defensa das mesmas ante o tribunal.
-
Preparamos tamén a parte específica de temas e supostos prácticos da familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade, tanto na especialidade de Intervención Sociocomunitaria, como na de Servizos á Comunidade.
Doutra banda, tanto para opositoras en xeral (sen cinguirse a unha especialidade concreta), como para calquera outra dedicación (estudantes, profesionais, doutorandas, etc.), ofrecemos estratexias de efectividade persoal, ámbito no que:
-
Aprenderémosvos a utilizar as mellores técnicas de organización e xestión do tempo, para que acadedes unha alta efectividade persoal e obteñades un mellor aproveitamento do voso tempo e recursos, incluíndo o establecemento periódico de obxectivos e o seguimento regular do seu cumprimento.
En última instancia, o noso obxectivo é que o noso alumnado, unha vez defina os seus propios obxectivos, dispoña dos recursos e da axuda precisa para a súa consecución.
FILOSOFÍA DE TRABALLO
Un dos piares fundamentais da nosa filosofía de traballo é o establecemento inescusable dun límite de alumnas que se admiten para cada curso. Porque só deste xeito se pode garantir un traballo personalizado e unha atención individualizada.
Como principios reitores, pola nosa banda podedes agardar: profesionalidade, seriedade, respecto, compromiso, responsabilidade, individualización, confianza, empatía, traballo en equipo, dedicación e esforzo, espírito crítico, gusto polo traballo ben feito, compañeirismo, formación, innovación e mellora continua.
E, por suposto, o mesmo agardamos de todas e todos vós.
Sede benvidas a SER PROFESORAS.